A lóxica de ser masón en Francia
Francia é un paraíso para os masóns, iso sábeo calquera. Polo menos, calquera que entenda un pouco convencións narrativas sobre tópicos internacionais e que saiba que o traxe típico de masón non se compón de túnica larga con estrelas e cartabóns de purpurina nin capucha con forma de pato, senón de boina, baguette baixo o brazo e eterno xesto asexante con ollos entornados. Se o xesto vai acompañado dun lixeiro gruñido, non o dubides, estás ante un Gran Mestre de Oriente recitando algún rito iluminador.
A masonería afunde as súas raíces no país de Voltaire , Miterrand e Platini, ata o punto de deberlle a súa propia etimoloxía. Franc-maçon significa albanel. O que quedou é o de «Maçon»; o de «franco» quedouse polo camiño (maldito euro) e se poden vanche cobrar sen factura. O que non sabe todo o mundo é que a Gran Loxia de Francia sufriu un cisma no s.XIX, dividíndose en dúas ramas. Unha é a encargada de manter viva as apariencias, cos membros reuníndose para xogar o bridge ou o tute francés en selectos clubes masculinos iluminados á luz de candís, con amenazadoras cabezas de cabra penduradas das paredes e envoltos na banda sonora de ‘Eyes wide shut’. Persoalmente, paréceme que algo do segredo encanto da masonería se perdeu cando decidiron saltar ao ao hiperespacio, pero en fin, os tempos cambian.
A segunda rama prefire vivir oculta na clandestinidade, accesible só mediante escuras invocacións, pero son os que moven realmente o cotarro. Polo que me comentan persoas que teñen máis experiencia nisto de ser francés, só chegas a coñecelos cando tés que facer unha obra na casa, pero pobre de ti se os necesitas con urxencia para arreglar un muro de carga. Unha terceira rama apócrifa e máis evolucionada aínda son os iluminados de EDF, o monopolio francés de electricidade, dos que xa temos falado aquí.
Non vos deixedes engañar polas convencións narrativas sobre tópicos internacionais. Os franceses viven o seu estado de masonería con plena naturalidade, sen necesidade de sangue sintético, esconderse da luz do Sol ou rezar en segredo mirando cara a Pirámide do Louvre. Ser masón é un síntoma de grandeur que se leva con moderado orgullo chauvinista. Existe incluso prensa especializada, como podedes ver nesta fotografía dun quiosco da rue Sainte-Anne (entre o Louvre e a Opera Garnier) onde xunto a FHM e Le Nouvel Observateur temos un exemplar do nº3 de Franc Maçonnerie.
Quedeime coas ganas de saber máis sobre «Os ditadores que boicotearon a masonería» ou «A represión de Vichy: os masóns durante a Resistencia», pero chegaba tarde ao traballo e cando ao día seguinte volvín pasar por diante do quiosco, Franc Maçonnerie xa fora substituida pola revista Polka.
Etiquetas: Francia, masonería, mitos & tópicos, relixión







