A Sarkozy cáelle un puro
Non é o mellor verán para Sarkozy. Se xuño remataba co ridículo deportivo e político do Mundial de fútbol e coa maior folga xeral dos últimos meses, xullo non trouxo a calma estival. O primeiro domingo do mes deixa as dimisións políticas de máis alto nivel da última década, coa renuncia de dous secretarios de Estado, cargos que en Francia son membros do goberno con carteira propia e participan no consello de ministros.
Os dous levaban meses na corda frouxa polas investigacións do mítico “Le Canard Enchaîné” sobre o seu exclusivo tren de vida. O primeiro escándalo para Alain Joyandet, secretario de Estado de Cooperación, foi a publicación do aluguer dun avión privado con case 120.000 de diñeiro público, seguido do uso persoal de varias vivendas de titularidade estatal. O último (de momento), un dubidoso permiso para ampliar unha vivenda en Saint-Tropez.
Máis chamativo aínda é o caso de Christian Blanc, secretario de Estado para o desenvolvemento da Cidade Capital (moito habería que escribir en Francia sobre estrutura do goberno e os seus interminables departamentos) que dimite dez días despois de publicarse que usou 12.000 euros de fondos públicos para comprar puros cubanos. Na súa defensa, o anterior conselleiro delegado de Air-France e da rede de transportes públicos de París rebaixaba a cifra “a só 4.500 euros” (!) e falaba de “pequena neglixencia”. Este caso obrigaba a Sarkozy, acosado polas constantes filtracións de corruptelas do seu goberno, a anunciar unha reforma ministerial… ¡para outubro!

O caso L’Oréal: sexo, mentiras e evasión fiscal
Chove sobre mollado, pois a maior presión sitúase sobre outro caso. Trátase do “escándalo L’Oréal”, ou como o actual ministro de Traballo -e ex ministro de Finanzas- Eric Woerth, puido encubrir a evasión fiscal da nonaxenaria de Lilliane Bettencourt, a segunda maior fortuna do país e herdeira do imperio dos cosméticos. Todo isto, mentres Bettencourt mantén á muller de Woerth como asesora financeira e ve como a súa filla insiste para súa incapacitación xudicial para que deixe de dilapidar a fortuna co seu mozo, tres décadas menor ca ela. Vamos, un vodevil á francesa que fai as delicias ao mesmo tempo da prensa rosa e da salmón.
Non está claro ata cando poderá Sarkozy manter no seu cargo a Woerth, embarcado en plena reforma laboral. O hiperpresidente, que comezou a súa carreira no Elíseo acaparando todos os asuntos relevantes paga agora o violento prezo do monopolio dos focos. ¿Non era el o alpha et omega de toda acción do goberno? ¿Ata onde chega a súa responsabilidade na tutela dos ‘mini-ministros’? Neste escenario de escándalos e parálise do país, coas prometidas reformas atrofiadas dende hai 3 anos, non está claro que Sarkozy vaia esgotar a lexislatura, moito menos que sexa candidato á reelección. Os socialistas, mentres, afían coitelos. A sorte para a Dereita é que antes teñen que usalos entre eles.
Etiquetas: corrupción, Francia, Sarkozy






