Canícula, ¡yo te maldigo! (I)
Temperatura : 37ºC. Non é a temporal, é a exterior (á sombra). Por se alguén o dubidaba, o verán chegou a París e faino en grata compañía da humidade, superior ao 55%. O aire acondicionado da oficina, en cambio, faise o remolón. Todo sexa para comprobar os beneficios da sauna no lugar do traballo. Viva a cultura nórdica.
E aparcado o culebrón mundialesco da Selección francesa, do que falabamos hai uns días -polo menos ata outono, cando o goberno convocará ¡os Estados Xerais do fútbol!- os medios de comunicación franceses deciden cambiar de rexistro e falar do que lles interesa realmente interesa aos franceses. ¿Reformas laborais? Non. ¿Escándalos de corrupción no goberno? Non.
¿Outra nova folga que empalme coa anterior? Pois non. O que de verdade interesa aos franceses é o calor.
Non falta xornal, radio ou televisión que non anime a súa portada con algún alegre cidadán que busca fuxir do mercurio buscando un ángulo morto no texido de Matrix: fontes públicas, abrevadoiros e incluso vías antiincendios en principio reservadas aos bombeiros.
Sumádelle a iso a peza sobre como torean os maiores a ola de calor e a inevitable sección de “vencedores de…” que non pode faltar en ningunha crise ¿Quen se aproveita do calor? Comerciais de climatizadores e aire acondicionado, carros dos xeados, vendedores ambulantes de auga. Se non fose polo inconfundible acento francés, xuraría que son os mesmos que saen cada ano en Telecinco, El Mundo ou a Cadena Ser. Un mediático día da marmota recalentado que non entende de lingua nin fronteiras. Malditos cabróns perdonavidas. A ver que tal vos iba se tivera comigo o iglú portátil…
Pero se algo me jodeu desta canícula capaz de poñerte a 30º un venres ás 10h30, é o asasinato a sangue ¿frío? do maior pastel do mundo. Entereime hai apenas unhas horas do levantamento da “Tour sans faim” (a torre sen fame, xogo de palabras homófono con “tour sans fin”), un monumento gastronómico de máis de 8 metros levantado na Cidade da Arquitectura e do Patrimonio de París. Pero antes mesmo de buscarlle un oco culinario na axenda, o calor e a humidade (cómplice do carallo) xa se aliaran para convertela nunha precaria torre de Pisa.
Os seus creadores, o cociñeiro Gilles Stassart e o arquitecto Jean Bocabeille víronse obrigados a darlle a eutanasia antes os evidente signos de ditalación que amenazaban con sepultar a gula dalgún visitante baixo algunha tonelada de azúcar e fariña. A experiencia culinaria, que tiña que durar catro días, apenas aguantou unhas horas. ¡Canícula, yo te maldigo!
Post-Mortem: Non me preguntedes como carallo se come ese pastel…
Etiquetas: calor, ecoloxía, Francia, gastronomía, París






