O Panteón esquizofrénico

O Panteón vén sendo a Colexiata de Sar de París. Sería o orgullo de calquera cidade ou vila, pero ten que vivir á sombra doutros como o Obradoiro ou, neste caso, a Tour Eiffel, Notre Dame ou o Sacré Coeur. Hoxe o Panteón é un sitio reservado para incondicionais, frikis da ‘grandeur’ ou turistas despistados que chegan case por casualidade. E sen embargo, en poucos lugares se respira mellor a contradicción histórica e traxicómica que percorre as veas dos franceses.

Porque para empezar, que é isto, ¿un mausoleo ou unha igrexa? A primeira opción deféndese con orgullo dende a inscripción do frontón (“Aos grandes homes a Patria quere lembralos”) ata a cripta onde descansa a “crême de la crême” racionalista do país: Voltaire, Rousseau, Dumas, Victor Hugo, Marie e Pierre Curie…). Pero todo isto, enmarcado nunha chusca pranta de cruz grega edificada orixinariamente na honra de Santa Xenovena que excitaría a calquera pope ortodoxo.

Esta esquizofrenia identitaria respírase en todo edificio. Os frescos ilustran os grandes mitos político-relixiosos da Francia medieval (Cleodoveo, Carlomagno, Juana de Arco…), enfrentadas ás esculturas que lembran o orgullo belicista da modernidade laica. O colmo chega co conxunto da Convención nacional, representación de deputados e exército honrando á República revolucionaria e atea… ¡baixo a mirada de Cristo, a Virxe, e o Arcanxo Gabriel! E para rematar toda esta esquizofrenia, o péndulo de Foucault, demostración empírica da rotación terrestre, oscila suspendido dende o oco destinado ás reliquias da patroa de París.

¿Como chegou este antigo templo protocristián remodelado a acoller os restos de escritores, políticos e científicos franceses? O seu sentido definitivo chegou coa morte de Victor Hugo (1889) pero un século antes, Luis XV decidira levantar un novo templo na honra de Xenoneva despois de pasar unha mala gripe que case o leva para o outro barrio. As obras alargáronse máis da conta e tiveron a mala sorte de chocar coa realidade da Revolución, pouco dada a sentimentalismos relixiosos. “¿Qué carallo facemos agora con esta Cidade da Cultura Igrexa a medio rematar e chimpada no monte?

Malia que algúns querían botala abaixo, finalmente redefiniuse o seu plantexamento inicial Así comezou a albergar os ilustres defuntos da Revolución («relixión non, mausoleo si») co problema engadido de que os vencedores non tiñan ben definido aínda o libro de estilo da Historia. Resultado: Voltaire e Mirabeau estrenarán o Panteón, pero este último aguantará  pouco tras ser acusado de traizón á patria. Marat entrou no seu lugar como “amigo do Pobo” pero sairía coas patas por diante meses despois, tamén  acusado de conspiración, xusto despois de que Rousseau sexa colocado, ironías do destino, fronte ao seu archienemigo Voltaire.

Finalmente, cansos de tanto desfile de ida e volta, algún sabio propuxo negar o acceso a todo aquel que levara menos de 10 anos no reino dos mortos. A imortalidade sempre necesitou de certa perspectiva histórica. Que tomen nota aqueles que piden un cambio para o Panteón das Letras galegas…

Post-Mortem I: Queda pendente outro post sobre o péndulo de Foucault que foi instalado aquí por primeira vez. A bola orixinal está agora no Museo das Artes e das Ciencias pero no Panteón segue habendo unha reconstrucción, en reformas ata o mes de marzo.


Post-Mortem II:Non me digades que non hai certa Xustiza histórica no feito de que finalmente, Marie Curie quede eternamente por riba do lacazán do seu marido Pierre.

.

Etiquetas: , ,

This entry was posted by Xoán on Luns, Febreiro 8th, 2010 at 23:12 and is filed under Arte, Historia, Pasado, Portada, Zeitgeist. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0 feed. You can skip to the end and leave a response. Pinging is currently not allowed.

¿Que opinas?

Creative Commons License
Crónicas de Oz ten unha licenza Creative Commons Attribution 3.0.
Baseado no tema Goodstream para Wordpress