O psicodrama ‘bleu’

“Non entendo por que Francia perde no Mundial. ¡Pero se están xogando na casa!”
Deixei de tomarme o fútbol como un simple pasatempo “opio do pobo” despois da clase maxistral que Paul Auster ofreceu hai nove anos en Compostela. Viña Auster a recoller o Premio Juan de San Clemente que por aquel entón xa se consolidaba como unha das grandes citas literarias galegas -nos anos anteriores pasaran por alí Saramago, Vargas-Llosa ou Jostein Gaarder- e tiven a enorme fortuna de participar no xurado e nos actos de entrega e o luxo de poder entrevistalo.
Na cea posterior á entrega de premios, Auster convidaba a os estudantes do xurado a que non desprezáramos o valor sociolóxico dos grandes acontecementos deportivos. “Os europeos fostes capaces de canalizar os vosos odios nacionais cara ao deporte. Xa non facedes a guerra entre vós, xogades o fútbol. Iso é bo.” Aquel día cumpríase un mes dos atentados do 11-S e Auster, conmovido aínda pola perda de dous amigos, bombeiros falecidos no asalto suicida ao World Trade Center, non deixou pasar unha crítica á vea egocéntrica do seu país. Falaba do Mundial de fútbol, de como máis aló do simple deporte ou do negocio, o fútbol é capaz de paralizar o corazón do cinco continentes e de como se contempla con desprezo desde os Estados Unidos, asentados na comodidade das súas propias ligas nacionais de baloncesto, hockey ou football. Para que mirar ao mundo podendo conformarse con mirarse o embigo? “Iso tamén quere dicir algo”, repetía.
Rescato este recordo a conto do vodevil que Francia vive estes días co seu Mundial horribilis. Máis aló do deplorable aspecto deportivo, a historia de Francia neste Mundial leva meses escribíndose con tinta rosa sobre papel amarelo: un seleccionador esquizofrénico e paródico cruzamento de Calígula e Groucho Marx, trampas mal disimuladas (o pecado orixinal da man de Henry na clasificación ante Irlanda), corruptelas na federación, escándalos por prostitución con menores e polo luxo que rodea á concentración nestes tempos de crises, insultos e agresións entre xogadores e corpo técnico…
Neste esceario, a eliminación non é máis que un epílogo anecdótico e lóxico, precedido por unha ameaza de folga dos xogadores provocada pola expulsión de Anelka. Este plante tería sido seguramente o episodio menos sorprendente deste esperpento, pois os futbolistas eran dos poucos franceses que non se sumaran aínda á folga xeral-descontinua que invade o país nos últimos meses. Como din por aquí, “algún día Francia dominará o mundo, pero non será mañá, hai folga”.
¿Como asumen os franceses todo este espectáculo? Máis aló de ir ao quiosco a comprar L’Équipe como quen vai a pola Cuore ou o ¡Qué me dices?, o francés medio vive o esperpento mundialista coa naturalidade do psicodrama propio. A frase que encabeza o post é un chiste recorrente estes días en París en referencia á alta presenza de franceses de segunda xeración que afunden as súas raíces na emigración ou nas ex colonias africanas.
Pero se é verdade que no partido contra México había oito xogadores de orixe estranxeira, non o é menos que na final do Mundial 98 xogaron sete coas mesmas raíces, incluídos os heroes nacionais Zidane, Thuram, Vieira ou Dessailly. Os “bleus”, que hai unha década eran un magnífico exemplo do modelo de integración e diversidade étnica francés, convértense hoxe no síntoma da descomposición dun país en plena crise económica, moral e identitaria. Ante México, a esquizofrenia chegaba ao punto de celebrar nos bares os córneres coma se fosen penaltis no minuto 90 e, no tope do esperpento algún arrincou coa Marsellesa cando Cuauhtemoc Branco sentenciaba o partido para México. No último partido foi posible saber cando marcaba Sudáfrica polos cánticos de xúbilo.
Haberá quen vexa esaxerado extrapolar o fracaso deportivo de 20 precoces multimillonarios malcriados á situación de todo un país. Pero parafraseando daquela maneira a Churchill “poucas veces tan poucos dixeron tanto de tantos”. Algo ten que ver esa selección chea de negros renegada polos franceses ‘tradicionais’ con esa Marsellesa pitada en Saint-Denis polos franceses fillos de alxerianos e marroquís. Algo ten que ver esa desafección cara a un dos escasos símbolos modernos da ‘Grandeur’ co debate sobre a identidade nacional impulsado por Sarkozy hai un ano e que acabou encallando nas rías da ambigüidade. Por que identidade nacional cando as palabras que queremos usar realmente son Islam, burka, negros ou moros?
Lamenta Lilian Thuram, un deses ‘heroes do 98’, impulsor dunha importante fundación de educación contra o racismo e raro caso de futbolista intelectual, que o alto número de deportistas negros e a súa escasa presenza nas esferas de poder e decisión -política, xustiza, consellos empresariais…- perpetúa o estereotipo do negro atleta pero de escaso cerebro. Negros franceses que, ademais, só xogan en casa cando se largan a África. Lembrando a Auster, iso tamén quere dicir algo, pero esta vez non é nada bo.
Fotos: Wikipedia, FFF, Lilian Thuram Foundation
Etiquetas: deporte, emigración, Francia, fútbol, racismo






