Pataca míuda
Hai uns días celebrouse en París o Salón da Agricultura, algo así como a Semana Verde de Silleda para Asterix & Cia. Como inventores da grandeur, aos franceses gústalles crer que todo o teñen máis grande (e cando é evidente que iso é imposible, tentan compensalo con outro dos seus inventos, o glamour). Bueno, pois isto non son apareciencias. Este salón é realmente bestia: 10 días de duración, 220.000 metros cadrados, máis de 700.000 visitantes, 1.000 expositores diferentes…
Por moito que insistan en que as feiras están en franca decadencia dende hai anos (crise, videoconferencias, negocios en tempo real…) o universo que se respira nel segue a ser fascinante. Como en calquera actividade gremial, hai códigos e linguaxes internos, correntes telúricas entre os compradores e vendedores, exportadores e distribuidores, profesionais e simples e visitantes que conecta con algo moi profundo dentro do noso ADN social. Por moita Posmodernidade e Hiperrealidade da que queiramos presumir, dáche a sensación de que poderías escarbar unhas capas e rescatar a época primixenia do comercio, onde un apretón de mans era toda a firma necesaria (a menos que quixeras prescindir desa man ou dalgunha extremidade, claro).
Apenas levo dous meses como ‘soldado exterior do Imperio Galaico (división Igape)’ , así que sigo sentíndome un pouco como os animais desta viñeta do ilustrador de Le Monde Martin Vidberg. Aproveito para recomendar o seu xenial blog «L’actu en patates«, imprescindible a pouco que vos interese algo a actualidade francesa.
A edición deste ano do Salón estivo marcada pola evidente Guerra Fría latente entre Sarkozy e os agricultores, algo que non carece de importancia ás portas das eleccións rexionais que non pintan para ben para o hiperpresidente. Ausente na inauguración, non foi ata os últimos días cando se deixou caer por alí. A prensa rumoreaba que aproveitaría para presentar un ambicioso plan para o sector agrícola, pero se foi así, ninguén se enterou. Foi curioso ver a Jacques Chirac -que acabou o seu período presidencial coa popularidade moi tocada- coreado polos agricultores que lle pedían volver ao primeiro plano da Política. Xa o di o refrán «Outros virán…»
Viñetas: ‘L’actu en patates’ (Martin Vidberg)








