Resurrección do Socialismo francés: ¿Fénix ou zombi?

Como indicaban todas as sondaxes, os socialistas conseguiron vencer con autoridade na primeira volta das eleccións rexionais francesas. A Esquerda queda nunha moi boa posición para revalidadar maioría nas 24 rexións que dominan actualmente, ben cos socialistas en solitario, ben co apoio dos verdes ‘Europe et Écologie’ ou co Front de Gauche. Incluso é posible que consiga facerse coas dúas que lle faltan no seu Risk particular, Córcega e Alsacia.

A análise en quente que fan os medios de aquí sinala unha impresionante resurrección socialista despois de que nos últimos anos este partido fora o máis parecido a un polo sen cabeza, zombie e neurasténico e coloca ao PSF nunha boa posición de saída para a longa precampaña que se aveciña de cara as Presidenciais e Xerais do 2012.

Sen dúbida o resultado supón un importante toque de atención para a UMP de Sarkozy que seguramente se vexa obrigado nos próximos días a provocar unha crise de goberno, por moito que a Dereita insista en que non se trataba dun plesbicito nacional e que isto foi unha “(nova) vitoria da abstención” (o cal non non deixa de ser moi preocupante cando levas gobernando máis de 15 anos).

Aínda así, segue sen quedar moi claro se falamos da resurrección da Ave Fénix ou do enésimo estertor dos socialistas franceses, un nosferatu que ata o momento non parecía saber como atopar o seu lugar na Francia do S.XXI. Algúns datos:

- A Esquerda xa dominaba 24 das 26 rexións. Todo o que non fose repetir suporía perder algúns dos escasos bastións de poder que lle quedan fronte a Dereita que domina Elíseo e Asamblea Nacional.

- As Rexionais son o patiño feo do mapa electoral francés. Se cadra non chegan á desafección das Europeas, pero a baixísima participación (48%) non lle anda moi lonxe. Non axuda o escaso nivel de competencias que o Estado centralizado deixa para as rexións que provoca unha gran distancia cos cidadáns. O equivalente ao CIS francés afirmaba recentemente que só 1 de cada 4 franceses sabe quen é o seu presidente rexional, un cargo pouco máis que representativo que adoita combinarse con outro de máis relevancia executiva (deputado, senador, alcalde…).

- Non queda claro se este resultado responde á permanencia do ‘statu quo’ anterior, a un castigo a Sarkozy ou a un voto de confianza para os socialistas, que seguen sen ter unha estratexia definida a nivel nacional. ¿Achegarse ao Centro ou orientarse máis á Esquerda? Nese sentido a necesidade de pactar cos Verdes e coa Fronte de Esquerda de cara a 2ª volta pode axudarlles a definirse.

En todo caso, o resultado dos socialistas axudará a tranquilizar as augas un tempo, polo menos ata que se reabra a guerra polo liderado que terá o seu rubicón na elección do candidato presidencial . A loita pode ser un man entre a actual secretaria xeral Madeleine Aubry e a ex candidata Segolène Royal, co outsider Dominique Strauss-Khan afíando cuchillos dende o trono de ferro do FMI.

Iso si, as eleccións deixan un dato para a incomodidade do establishment. O retorno do Front National (10% no país, con puntas do 19% nalgunhas rexións) evidencia a a desconfianza nos partidos maioritarios. A formación de extrema dereita, agora en mans da filla de Jean Marie Le Pen, Marine, ameaza con volver a dar un susto no 2012 como xa fixera no 2002, cando conseguiu colarse na 2ª volta das presidenciais.

Nicolas Sarkozy, Segolène Royal e Marine Le Pen, algúns dos rostros da primeira volta das eleccións rexionais francesas (Fotos: Le Monde)

Etiquetas: , ,

This entry was posted by Xoán on Domingo, Marzo 14th, 2010 at 22:58 and is filed under Portada, Presente, Zeitgeist. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0 feed. You can skip to the end and leave a response. Pinging is currently not allowed.

2 comentarios

  1. No seu momento alegreime da derrota de Segolène ( que non da victoria de Sarko) Parecáime un drama que o Partido Socialista francés, que con Jospin conservara a dignidade fronte a Blair ou Schroeder, tivera como lider a umha politica tan vacua como Royal.
    Desexo a mellor das sortes a Aubry.
    AInda que desde a distancia todo se ve moito mellor

  2. Xoán di:

    Dende aquí parece que o drama do socialismo francés é que as loitas non son ideolóxicas senón de personalismos. O mérito de Aubry foi conseguir pacificar o partido no último ano, pero a costa de aparcar o debate sobre o futuro do partido. O PSF non destacou por facer grandes aportacións na lei Hadopi ou no estéril debate sobre Identidade Nacional (¿por que usan a palabra identidade cando queren dicir Islam?).

    Unha das grandes cuestións que os atormentan é se deben posicionarse máis á Esquerda ou ser maís pragmáticos , capaces de pactar cos centristas e tomar posicións máis duras en temas onde o populismo de Sarkozy ten manga ancha (inmigración, seguridade, identidade…).

    Por outra parte, ecoloxistas e Front de Gauche queren que o PSF se olvide dos cantos de serea do Centro-Dereita, pero ¿non será iso cavar a súa propia tumba? Xa sei que é unha visión cínica, pero pedirlle a un alíado inevitable (e moito máis grande ca ti) que adopte os teus postulados e unha chamada brutal ao voto útil e a que che aparten do centro de decisións. Sinceramente, non creo que o PSF gañe as eleccións xerais e presidenciais arrancándolle votos os partidos minoritarios situados á súa Esquerda….

    Supoño que as primarias para as presidenciais acabarán senso un duelo Aubry – Strauss Khan. O apoio a Royal parece máis un dardo envelenado por parte do equipo mediático da Dereita. Tampouco descartemos a Manuel Valls, un posible Tony Blair (na súa boa época) á francesa, aínda que se cadra 2012 chega moi pronto para el.

¿Que opinas?

Creative Commons License
Crónicas de Oz ten unha licenza Creative Commons Attribution 3.0.
Baseado no tema Goodstream para Wordpress