Un Dr. Horrible aínda máis geek
Xa sei que leva uns días rulando pola Rede, pero non me resisto a poñer esta frikada, unha versión en 8 bits do primeiro webisodio de Dr Horrible, a xoia de Joss Whedon (Buffy, Firefly, Dollhouse) protagonizada por Neil Patrick Harris (Barney en How I met your mother) que asombrou hai dous anos en plena folga de guionistas. Esta recreación cun elevado factor geek pode desfrutarse tamén a maior resolución na páxina oficial do seu creador, Dr. Octoroc.
Curiosamente estiven revisitando Dr Horrible a pasada fin de semana e sinceramente, creo que mellora co tempo. Se non a viches aínda, dálle unha oportunidade, 35 minutiños de xenialidade que ben merecen un lugar na breve historia da post-televisión, tanto pola súa calidade como pola atrevida aposta dunha producción e distribución volcada sobre Internet. Parece que tamén vai haber unha segunda parte. Como sempre nestes casos, medo me dá, e non sei moi ben cal é a necesidade, pero se manteñen o listón, benvida sexa.
Actualización: Outra novidade para o Universo Joss Whedon, que vai ser o encargado de dirixir o megaproxecto Marvel dos Vingadores.
Etiquetas: Mwahahaha!, televisión, videoxogos






