Un monopolio francés (e o doutor Guillotin)
Exemplo de cómo funciona o servizo 24 horas de EDF, o monopolio estatal francés de electricidade:
Chamas un venres á tarde, cun problema gordo. Din que chamarán ao longo da noite para darche unha cita para o día seguinte.
Non chaman.
Ao día seguinte, insistes e consegues cita para mércores, “de 7h a 16h30”.
Luns chaman para confirmar a cita do mércores, “de 7h a 16h30”.
Mércores esperas, “de 7h a 16h30”. Ás 18h chamas e un señor, borde, diche que esa cita foi anulada polo propio usuario (enténdase “eu”), posto que o problema “xa estaba solucionado dende o venres” (WTF!).
Ás 21h consigues que se comprometan a enviar a un técnico en ”20-30 minutos”.
Ás 01h10, o técnico despértache para dicir que chega en media hora.
Ás 04h, e despois de solucionar o problema en 5 minutos e que volvan funcionar luz, cociña, neveira, calentador de auga e estufa (fóra hai -7º), ese señor, que hai 30 anos estaría facendo de policía torpe e fondón nunha película de Luis de Funès diche, cheo de razón, “¿E logo isto non podía esperar a mañán?”
Ese é o instante exacto no que comprendes que o Doutor Guillotin foi maltratado pola Historia.
Etiquetas: éche o que hai, Francia







Alégrome de que volvas ter auga quente, aínda que ir aos Bains-douches municipaux podería dar tamén para unha crónica interesante.
Eu reitero que iso che pasa por ser un maldito emigrante sen conciencia nacional francesa como manda o Imperio.
O das duchas municipais queda para outra ocasión. Mira, ó mellor fágollos testar a algunha visita para que me conte
Silvia, teño un post pendente sobre a conciencia nacional e o follón que se arman estes franceses por non mencionar palabras malditas…